Monday 06 de May de 2024

A Xunta de Galicia compromete 300.000 euros para mellorar o firme da estrada Portobravo-Tállara e da AC-308 en Cerquides


A alcaldesa, Teresa Villaverde, espera asinar en xullo o convenio de colaboración coa Consellería de Infraestruturas para a primeira fase do arranxo do vial Portobravo-Tállara

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vai investir 300.000 euros no arranxo do firme e mellora da seguridade viaria de dúas das principais vías de comunicación de Lousame: na primeira fase da estrada Portobravo-Tállara e no reforzo do firme na AC-308, na zona de Cerquides. Así llo vén de confirmar a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, á alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, dando así cumprida resposta á solicitude realizada por Villaverde Pais en agosto de 2016.

A alcaldesa de Lousame salienta en especial “a primeira fase da pavimentación da estrada Portobravo-Tállara, unha obra de mellora importante para unha das estradas máis empregadas do municipio. A conselleira confirmou que no prazo dun mes poderemos asinar o convenio de colaboración”.

As obras que comezarán xa o próximo mes de xullo son as de reforzo do firme e eliminación de barreiras na estrada AC-308, na zona de Cerquides. “A Consellería de Infraestruturas volve demostrar unha vez máis o seu compromiso con Lousame ao atender unha demanda que lles plantexei en agosto de 2016 para actuar no tramo da estrada que non foi obxecto de melloras en 2015, concretamente na zona de Cerquides. Unhas obras que está previsto iniciar a principios deste mes de xullo”, explica Teresa Villaverde. Uns traballos orzamentados en case 100.000 euros.